Sobre o proxecto



Músicas Galegas Ilustradas é un proxecto persoal que combina as dúas facetas da súa autora, Laura Romero, ilustradora e música. Licenciada en Belas Artes desde o ano 2014, forma parte da banda decana do rock galego Zënzar desde febreiro do 2016, substituíndo a Tabe (membro fundador) ó baixo. Meses máis tarde comeza a tocar ca banda en diversos festivais por toda Galicia, e é cando se da conta da escasa participación de mulleres en relación á dos homes. A idea inicial que deu paso a este proxecto de ilustración e música galega foi a elaboración dunha listaxe de nomes, que meses máis tarde, concretamente en xuño do 2017, comezarían a ser retratos.

O proxecto comeza a agromar desa listaxe de nomes femininos, facendo unha ilustración de cada un deles. Cada unha das ilustracións, dedicadas a unha artista (no caso das músicas con carreira en solitario) ou a varias (se son compañeiras de banda ou de proxecto) van acompañadas dun breve texto. Gracias ó estilo das ilustracións, de aparente execución rápida, lineal pero tratando de ser retratos recoñecibles, o proxecto vai acadando o seu propósito: difundir e dar visibilidade ás mulleres do panorama musical galego


Difúndese e actualízase case cada día na páxina de Facebookonde se publican tanto ilustracións coma entrevistas, artigos, eventos, etc, que teñen relación relación co tema. É nesa rede social onde comeza a darse a coñecer en xuño do 2017, tendo moi boa acollida entre as mesmas músicas e músicos compañeiros, centros educativos e sociais, plataformas de difusión cultural e amantes da música e a cultura en xeral. 

En apenas catro meses dende a súa publicación, Músicas Galegas Ilustradas acadou máis de 1200 seguidores, expúxose dúas veces de forma física, falouse del en diversos coloquios e medios de comunicación, empregouse en centros educativos e emitiuse unha reportaxe sobre el no programa da TVG A Revista Fin de Semana

Ilustración, música, visibilidade feminina, cultura galega e investigación fan que Músicas Galegas Ilustradas sexa un proxecto flexible e funcional en diversos espacios (tanto polo espacio físico en si como pola temática do mesmo), orixinal, vistoso, pero tamén necesario. 




----------------------------------------------------------------------------------------------------




Laura Romero nace en Alicante no ano 91 pero vive en Galicia (Ordes, A Coruña) dende nena. Os seus intereses sempre se inclinaron pola arte, polo que decide comezar os seus estudios artísticos dende o Bacharelato. É por aquel entón cande decide aprender a tocar a guitarra clásica, como pasatempo.

Ó pouco tempo cambia a guitarra polo baixo eléctrico, e tamén múdase a Salamanca para comezar Belas Artes nesa cidade. Despois dun tempo sen tocar, entra como baixista na banda de funky pop The Coy Kois e participa na gravación do disco. Xa licenciada en Belas Artes, a punto de comezar un master en Arte Contemporánea en Pontevedra, comeza a tocar rock en Velvet Rain na súa vila. A banda tivo unha historia moi breve, mais meses despois comezaba como baixista en Zënzar, onde toca actualmente. 

Dende que forma parte de Zënzar, a súa inclinación inicial pola pintura vai deixando paso a unha preferencia pola ilustración (tendo como primeiro traballo de gran importancia as ilustracións do libro-CD de Pakolas editado pola editorial Galaxia, traballo en solitario de Paco Cerdeira, guitarrista de A Gramola Gominola, Zënzar, ex de Mamá Cabra...), e polo debuxo urbano. O que non mudou foi o seu interese por temas coma a desigualdade de xénero, a teoría feminista, a historia e traxectoria de  mulleres artistas e agora tamén, das mulleres músicas. 

Participou en proxectos expositivos coma Macma. Mujeres artistas por y para mujeres activistas, exposto en marzo de 2016 na sala Paco de Lucía de Madrid, Stripart 2015 no Centro Cívico de Guinardó (Barcelona), ou en Voilà la femme, en Marín no mesmo ano. Tamén asistiu ás xornadas de debuxo urbano Compostela Ilustrada no 2016, dirixido por Miguelanxo Prado, e ó curso presencial de Historia da Teoría Feminista, impartido polo CEXEF (Centro de Estudos de Xénero e Feminismo da Universidade da Coruña).

Máis na web da autora eleromero.com.